20/10/09

AS CABAZAS DO SAMAÍN


K.G.McElroy

Non entende por que chegada esta época do ano os nenos, na compaña dos seus maiores, andan á procura da cabaza máis grande e bonita para lle facer uns buratos e deixala descabezada. O medo de que fagan o mesmo con el fai que desapareza trala cesta nun intento de pasar desapercibido.
.........................................................................
Á noitiña, e moi silandeiramente, cóase na cociña. Fóra chove que dá medo.

19/10/09

ANTÍPODAS


Caillebote

As pingas rompen sistematicamente a simetría das árbores que, como toliñas, tentan acadar o máis profundo da rúa nun intento de chegar ata as súas semellantes nos antípodas.
......................................................
El dixit- e ficou descansado.

8/10/09

NEBOAS



Aquela árbore, emerxendo espida no medio da néboa, non auguraba nada bo. As pantasmas adoitan agacharse entre os farrapos nos que se desfai. Cerrou ben as ventaniñas do coche, subiu un pouco o volume da música, para non escoitar os cantos de serea que proviñan dalá abaixo, onde o mar rompía contra as rochas enfurecido, e sen deixar de mirar a liña branca da carretera, chegou ao seu destino.
................................................................

A sirena do faro, na boca da noite, non conseguía espantar as pantasmas.

1/10/09

POR FIN !!!!


P. Costa
Asomou a cabeza pola fiestra entrebaerta e confirmou o que xa sospeitaba: chovera de noite. O arrecendo que subía das pedras húmidas xunto ao de café dos bares circundantes acabou por espertala totalmente . Saíu á rúa sen paraugas; quería sentir no seu corpo as últimas pingas que aínda caían para sufocar a inmensa calor acumulada durante os días anteriores.Coma ela,outras xentes coas mesmas ansias de auga, botábanse fóra para , timidamente ao principio, e xa sen reparo algún despois, meter os pés nas pequenas fochancas que se tiñan formado na rúa.
...................................................................
Mañá estarei costipada, pensou, mentres miraba para os seus pés calzados con sandalias. Pero pagou a pena.