23/7/09

MAR


F Galiano
As ondas quebravam uma a uma
Eu estava só com o a areia e com a espuma
do mar que cantava só para mim.
(S. de Mello Breyner)

21/7/09

REGRESAR


Keeling

Agora estou de regreso,
levei o que a onda, para se romper, leva
-sal, escuma e estrondo-
e toquei coas miñas mans
unha criatura viva;
o silencio.
Aquí estou suspirando como o que ama
e se lembra e está lonxe.
( R. Castellanos)

15/7/09

O HOME DO PIANO


G. Caillebotte

Comeza tódalas mañás, ás nove en punto, a ensaiar co piano. Hoxe ataca algo novo que ela non coñece . Repite, repite e repetindo ata as once que marcha para o teatro a ensaiar coa orquestra, logo irá ao conservatorio onde é profesor e tornará á noitiña, mochila no lombo e dándolle aos pedais . Asubiando en sordina busca as chaves e abre a porta. Ao pouco rato xa o ve, por entre os visillos, na cociña preparándose algo para cear. Ela, arréglase coas sobras da comida, non ten ganas de cociñar. Colle a bandexa e senta diante do televisor a ver as noticias.
Petan na porta. O pianista convídaa a cear unha pasta ao pesto- que me sae moi boa, por certo- acompañada dun bo Ribera.
................................................................
Nunca se puido resistir aos encantos dun pianista acompañado dun bo Ribera.

9/7/09

ESPERTAR


O. Ortiz

Esperta co fresquiño que entra pola ventana aberta, arroupase , bótalle unha ollada ao reloxio comprobando que aínda é cedo para se erguer estando de vacacións. Alguén que no pensa o mesmo chámaa polo móbil . Envólvese na saba e seguindo o son atópao na mesa da cociña ao tempo que pára de soar.
Joderrrr- grita ao tropezar no cacharro da auga das gatas e sentir o frío nos pés- o que me faltaba .
A ducha quentiña prestoulle . Camiseta por riba do biquini e cafeiño na terraza contemplando a praia que daquelas horas, e a pesar do norte, estaba chea dabondo.
Á hora de comer mirou o teléfono. J. quería falar con ela por un asunto do traballo.
.......................................
Decidiu apagar o móbil ata rematar a semana de vacacións, non fora ser o demo...

8/7/09

FUMANDO ESPERA...


F. Pérez
Agarda na esquina fumando. Encanto ela sae da tenda síguea coa mirada costa abaixo ata se perder na marea de xente que a aquelas horas circula pola rúa .
Ela pasa por diante del, sen apenas decatarse da súa presenza, apresurada por chegar á casa e poñer as flores en auga antes de que se murchen.
Escolle o xarrón de cristal axeitado, bótalle auga e colócao na mesiña que ten ao lado do sofá. Aí están ben- di, mentres pensa quen será o Anónimo que llas manda. Alguén que a coñece, seguro, xa que sabe que lle gustan as flores silvestres.
Un pouco de queixo, fruta e Elvis Presley non consiguen que deixe de pensar en quen lle mandou as flores. Adormece coa idea de ir, no día seguinte, a floristería a preguntar.
................................................................
Mañá entrarei na tenda, dise el coa certeza de quen sabe que non o fará.

2/7/09

CEREIXAS


R. Ladd


Na caixa, perfectamente colocadas, estaban a chamar por ela. Comprou unhas poucas e foi comendo pola rúa , estaban boísimas. Ao entrar no coche non puido resistir a tentación de penduralas nas orellas, como facía de pequena, e se mirar no espelliño. O home no coche do lado ollaba para ela cun medio sorriso nos beizos e levantaba o polegar asentindo. Ela devoltoulle o sorriso, acendeu o coche e marchou.
Non estaba mal o tipo- pensou agarrando o volante cunha man e coa outra levando á boca os pendentes-cereixas
Lembraste as cereixas, mamá?- preguntoulle o neno ao chegar ela á casa.
.......................................................
Hoxe de sobremesa tomarían amorodos.

1/7/09

ALLOS

G. Key
Hoxe non lle apetece facer de comer; está soa e quere aproveitar para facer cousas que foi adiando para cando comezasen as vacacións.
Na vila xa se ven algúns turistas que aproveitan o día chuvisquento para coñecela e mercar produtos típicos do lugar.
Nas ruínas do pazo alguén explica, en inglés, a orixe daquela casa noutrora señorial e agora na decadencia; un pouco máis abaixo un grupo de mozos e mozas toman unhas cañas nunha terraza sen lle importar as pingas que caen .
Ela entra a comer nun bar que, pola súa fasquía, seguramente nunca se encha de turistas, pero si daqueles que coñecen as delicias que elabora Maruxa cos produtos máis frescos que encontra no mercado.
Hoxe hai xoubiñas e pementos de Padrón de primeiro, e carne ao caldeiro de segundo-di Maruxa.
Acompaña o xantar cunha copa de viño e café de sobremesa.
................................................................
Algún que outro turista cóase pola porta e mira asombrado a restra de allos trala porta. Son para espantar as meigas, di Maruxa sen inmutarse.