Non entende por que chegada esta época do ano os nenos, na compaña dos seus maiores, andan á procura da cabaza máis grande e bonita para lle facer uns buratos e deixala descabezada. O medo de que fagan o mesmo con el fai que desapareza trala cesta nun intento de pasar desapercibido. ......................................................................... Á noitiña, e moi silandeiramente, cóase na cociña. Fóra chove que dá medo.
As pingas rompen sistematicamente a simetría das árbores que, como toliñas, tentan acadar o máis profundo da rúa nun intento de chegar ata as súas semellantes nos antípodas.
Aquela árbore, emerxendo espida no medio da néboa, non auguraba nada bo. As pantasmas adoitan agacharse entre os farrapos nos que se desfai. Cerrou ben as ventaniñas do coche, subiu un pouco o volume da música, para non escoitar os cantos de serea que proviñan dalá abaixo, onde o mar rompía contra as rochas enfurecido, e sen deixar de mirar a liña branca da carretera, chegou ao seu destino. ................................................................
A sirena do faro, na boca da noite, non conseguía espantar as pantasmas.
Asomou a cabeza pola fiestra entrebaerta e confirmou o que xa sospeitaba: chovera de noite. O arrecendo que subía das pedras húmidas xunto ao de café dos bares circundantes acabou por espertala totalmente . Saíu á rúa sen paraugas; quería sentir no seu corpo as últimas pingas que aínda caían para sufocar a inmensa calor acumulada durante os días anteriores.Coma ela,outras xentes coas mesmas ansias de auga, botábanse fóra para , timidamente ao principio, e xa sen reparo algún despois, meter os pés nas pequenas fochancas que se tiñan formado na rúa.
Tes que vir axiña- a mensaxe non dicía máis nada. Botoulle unha ollada ao reloxio , nunha hora escasa estou alí. Meu dito, meu feito. As caixas no chan , os armarios amosando impudicamente o seu baleiro e o sonriso dela querendo romperse nunha gargallada indicáronlle que volvía haber mudanza. Nesta ocasión, tanto tiñan as razóns, pero ela sempre atopaba algunha de peso, eran as tubaxes que facían ruído. ........................................ Botáronse a rir as dúas mentres o can buscaba o seu espazo nun adosado de cartón do Eroski.
Cando soou o espertador, apagouno nun acto reflexo, e deu media volta. Cinco minutiños máis e xa me levanto, díxolle á gata que tomara posesión da cama e non tiña intención algunha de a abandoar. Acendeu a radio para escoitar o tempo que facía fóra e descalza encamiñouse ao cuarto de baño, abriu a ducha e, encostada na parede, deixou que a auga quentiña a fora espertando aos poucos. Abriu o armario e demorou un rato en escoller a roupa. Hoxe tiña unha reunión importante . Escolleu un pantalón negro, camisa blanca e zapatos de medio tacón negros; pendentes discretos de prata e o reloxio das ocasións. Unha pasadas coa man polo seu curto cabelo e xa está!! díxose satisfeita ante a imaxe que o espello da entrada lle reflectía. Pasou pola cociña para lle botar o leite á gata, colleu o portatil e o bolso e saiu. ......................................................... Hoxe nos agarda outro día de calor- o home do tempo anunciaba pola radio mentres ela conectaba o climatizador.