29/6/09

CUNCHAS


Caracolas A. Cazorla

Escollía con moita delicadeza as máis bonitas e que mellor estaban, non había présa.De paso que daba o seu paseo despois do baño miraba entre as rochas e sobre a area o que depositara o mar na noite anterior. Sempre encontraba algunha cuncha que lle podía valer, sempre eran diferentes. Ao chegar á casa, metíaas nun tarro de cristal que comprara especialmente para elas e o tarro no baúl que tiña baixo o debuxo do capitán Hadock , ata a fin de semana en que chegaba a nena.
O primeiro que facía despois de bicar os avós era ir ver as novidades que había no baúl. Sentaba no chan e coas súas manciñas pequerrechas debullaba aqueles fantásticos tesouros unha e outra vez . Logo, con moito coidado, tornábaas de novo ao tarro e o levaba para o seu cuarto, ao lado da cama, para contemplalas antes de se durmir, mentres a avoa lle contaba unha nova historia de piratas
................................................................
Co catalexo do avó, sentada nunha rocha da praia, otea o horizonte en busca dalgún barco pirata perdido por aqueles mares.

28/6/09

CUARTO DE COSTURA


C. Wysocki

O que máis lle gustaba daquela casa era o cuarto de costura. De pequena pasaba o tempo enredando cos botóns que noutrora ocupaban o seu espazo en chaquetas, vestidos ou camisas e que a avoa transformaba en ollos e adornos para os bonecos de trapo e lá que lle facía.
A máquina de coser exercía sobre ela unha fascinación incrible: entraba a tea por un lado e saía polo outro coas puntadas de cores por riba e por baixo perfectas, só con lle dar aos pés acompasadamente naquel pedal xigantesco de ferro.
O seu momento preferido era cando a avoa, con aquela voz doce que tiña, lle pedía que ordease as caixas dos fíos... as veces o facía segundo as cores, outras polo tipo de fío , outras por tamaños; tanto tiña á súa avoa sempre lle parecía ben a orde que escollese aínda que logo se volvera tola tentando encontrar o fío que buscaba.
...........................................................................
O gato segue a ocupar o seu lugar trala Singer pero xa non hai quen lle pida que ordee os fíos.

26/6/09

O SOMBREIRO


M. Gal

O verán traía personaxes moi curiosas á vila como a francesa da casa grande. Cuberta sempre cun enorme sombreiro para que o sol non tocase a súa pel delicada, así dician as xentes, un cochazo con chófer , un ou dous xovenciños que cambiaba cada verán e persoal de servizo . Entre os máis pequenos, e non tan pequenos, circulaba o conto de que ela matara o marido dándolle veleno, o que exercía unha atracción fatal cara á muller e todo o que a rodeaba.Os homes pasaban todo o verán con cara alelada ollando para aquelas curvas que, de cando en vez, se deixaban ver pola praia e as mulleren morrían de envexa polos modeliños que locía.Aí vai esa golfa - comentaban uns e outras en voz baixa, cando a vían pasar no coche e había pequenos diante.

......................................................


A velliña do pelo branco deixa o sombreiro na silla e con paso lento entra na casa, fóra comeza a refrescar. Nena- dille á fotógrafa que veu facer a reportaxe- nunca me perdoaron que fose unha muller libre.

25/6/09

O VERÁN

S. Fattal
Soubo que o verán chegara oficialmente á vila polas luces de cores no comezo e final da carretera que a atravesaba e pola visión de xentes en pantalón corto e chancletas que tomaran por asalto as dúas terrazas do paseo e outros lugares de interese.
Levaba o seu tempo acostumarse a este cambio ; as rúas tranquilas por natureza tornábanse en algo caótico cos coches mal aparcados que lle producían moita incontinencia verbal ao Manolo, policia local do lugar, pero que non pasaba de aí. Aos turistas hai que tratalos ben- dicía- se non xa non voltan.
......................................................................
No campo da feira a cantante desgañitábase . Levantouse e cerrou a ventana, ela non estaba de vacacións e tiña que durmir.

23/6/09

SEN TÍTULO

A noticia golpeuna como un mazazo e xa non foi quen de continuar co que estaba a facer. Algo se lle revolvía no seu interior non querendo aceptalo. Sentou na silla e alí quedou ata que o teléfono fíxoa voltar á realidade, dábanlle de novo a noticia que xa sabía .
Contendo a rabia que lle quería saír pola boca, fixo unhas cantas chamadas e preparouse para saír, puxo calzado cómodo e meteu o tabaco no bolso. A noite ía ser moi longa.
.....................................................................
Vémonos pronto- dixéranse o sábado ao se despedir .

22/6/09

UNHA HOMENAXE

O día prestábase para comer no xardín, así que arrimou a mesa debaixo da parra e puxo o mantel e a vaixela dos días especiais. As flores que cortara pola mañá antes de ir ao traballo, colocounas nun tarro no centro da mesa. Gustoulle como quedaban.
O peixe, no forno, xa casi estaba, así que era o momento de abrir o viño e deixalo respirar, como mandan os cánones.
Sentou a mesa e deitou un pouco de viño na copa, uliuno, probouno e gustoulle. O peixe e a ensalada no seu punto. O arrecendo do xazmín misturábase co das rosas pequeniñas do muro e unha brisiña suave refrescaba o ambiente. Que máis se podía pedir?
..............................................................................
É necesario darse unha homenaxe de cando en vez- pensou mentres se servía outra copa de viño.

21/6/09

DOMINGO DE MERCADO

W. Haenraets
Tódolos domingos hai mercado na vila do lado e, desde que están alí, gustan de iren sempre que poden. Venden os seus produtos as xentes da redonda e é un pracer deambular por entre os postos na procura das verduras ou froitas máis frescas.
Cando chega o verán aquilo convértese nunha Babel por mor dos turistas que invaden as distintas rúas que ocupa o mercado.
É o que ten o verán-dilles unha vendedora mentres pesa uns tomates nunha báscula antediluviana - moita xente pero pouco diñeiro.
Sempre a se queixar. A ela gústalle ver xente diferente na vila aínda que só sexa un mes ao ano.
Antes de voltar para casa, parada no bar de Xurxo para tomar a caña sentados na terraza.
Na casa coloca a froita e verdura enriba da mesa da cociña nunha composición Archimboldiana ( pensaba ela) e tíralle unha foto.
...............................................................................
Nin por asomo era o que ela quería reflectir ... outra vez será.


19/6/09

NA PRAIA

Gustaba de ir cedo. Daquela hora o sol aínda estaba baixo e se podía percorrer a praia tranquilamente. As máquinas acababan de pasar e na area limpa as súas pegadas quedaban marcadas. Cruzouse con algún que outro paseante tempraneiro e cuns remeiros da traiña que estaba varada na praia á espera de que acabasen cos seus exercicios de quecemento.
Cando considerou que xa estaba ben de tanto andar, meteuse na auga: refregou os pulsos, a parte de atrás da cabeza e.. .plafff, á auga. Unhas cantas brazadas e fóra , estaba conxelada, coma sempre, pero deixoulle o corpo renovado.
Sen secarse, puxo a camiseta por riba do traxe de baño, no coche colocou a toalla no asento para non mollalo e arrincou cara á casa. Xa comezaba a chegar xente á praia e era o momento ideal para irse.
.......................................................................................
No horizonte erixíase maxestuosa a illa.

17/6/09

UN CAFÉ


N. Martin
Levaba toda a mañá dando voltas pola vila e xa non podía co seu corpo. Ao pasar por diante da vidreira viu que daquela hora non había moita xente e entrou. Sentouse á mesa que estaba pegada á xanela e pediu un café .Coma sempre, deixou que arrefriara e bebeuno dun grolo contemplando a xente que pasaba pola rúa .
Nefasto!!. Como é posible que se poida facer un café tan malo?, pensou mentres acendia un Ducados para contrarrestar.
A pouca xente do local, homes engaravatados das entidades bancarias próximas, supuxo ela, mántiñase en silencio lendo os xornais.Na televisión,sen voz, imáxenes dunha moza semivestida facendo exercicios ximnásticos ou bailando, nada máis interrompía a tranquilidade do local.
Botou unha ollada ao reloxio, recolleu o seu corpo e foi mercar o pan; hoxe cunha ensaladiña e algo de froita xa tiña dabondo.
....................................................................................
No seu caderniño mental anotou: nunca máis tomar café neste local.

16/6/09

CALORIÑO


E. Zasada
Preparouse un té con limón ben frío; tería que ordear o estante dos vasos pero hoxe non lle prestaba.
Co vaso nunha man e o libro na outra baixou as escaleiras ata o xardín na procura dun lugar fresquiño, atopouno baixo a maceira e alí sentou cos pés descalzos sobre a herba, encostada no tronco. A gata nunha das pólas máis altas miañou en sinal de saúdo e foi descendendo ata chegar onda ela. Acercouse delicadamente ao vaso e pasou a lingua polo cristal, estaba demasiado frío e non lle gustou; deu unhas cantas voltas ata se enroscar no regazo dela e quedarse durmida.
..................................................................................
A pesares de lle dar moita calor, non se moveu. Non era un mal atril.

15/6/09

UNHA MAN DE PINTURA


G.Goloubetsky
Aproveitou a tardiña, cando o sol xa baixara un pouco, para lle dar unha man de pintura á porta de fóra. Todo o mundo insistía en que puxera unha nova, pero ela non se decidía... Aquela porta levaba alí moitos anos e era xa unha vella compañeira; renxíanlle as bisagras como a ela cando había choiva.Ás veces non se decidía a abrir se non era cun pequeno empuxón, ela tamén precisaba de pequenos empuxóns para afrontar algúns días...
Coa cara chea de pingas de pintura e sudorosa mirou a súa obra rematada e sentiuse satisfeita; aínda botaría algunha temporadiña máis.
..................................................................................
A gata tumbada no chanzo da escaleira parecía estar de acordo.

14/6/09

MAÑÁ DE DOMINGO


E. Rodriguez

Levantouse cedo, ducha rápida e, tentando non facer ruído coa porta ao sair, botouse á rúa. Gustaba destas mañás de domingo cediño, cando os coches ainda non circulaban e o único son que se escoitaba era o do mar rompendo contra o malecón. Comprou o xornal e encamiñouse cara ao café que viran a noite anterior.
A mañá estaba fresquiña, pero non puido resistir a tentación de se sentar na terraza. Café con pan recén feito e manteiga, ollada ao xornal e grolo de café.
Ao lonxe distinguiu a camiseta laranxa e zapatillas último modelo correndo polo paseo marítimo, un aceno en forma de saúdo, e volta ao xornal.
............................................................................
Devagariño retornou ao hotel polo paseo ; algúns veleiros xa se botaran ao mar aproveitando o vento fresquiño e na praia algúns parasois xa estaban despregados e baixo eles afanábanse as nais en botarlle crema aos pequenos, ante a impaciencia destes por ir xogar coa area.

12/6/09

GRANDE INVENTO



F. Van Hove
Hoxe non traballaba, tomara o día libre para resolver asuntos que fora adiando por aburridos ; pero xa non lle quedaba máis tempo... deuse unha ducha reparadora, boa cunca de café para afrontar a burocracia e dúas páxinas do libro que a tiña enganchada: dúas por día, dose recomendada para alongar o pracer.
.................................................................................
Unha terraza entre sol e sombra convidaba a parasitala e unha cervexa ben fría a mellor compañía para un mediodía abrasador.
-Non me esperes a comer, teño moito traballo- dixo sen amosar o maís mínimo rubor .
Que grande invento esto dos móbiles- pensou, e continuou ollando o ir e vir do mar.

11/6/09

HAI DÍAS....


La siesta S. Koch
É só un ratiño- díxose, deitou a cabeza sobre o coxín e colleu o mando. Espertou cando , desde a tele, unhas voces berraban sobre alguén que deixara embarazada a outra alguén.
Mirou o reloxo e deu un espirro ao ver a hora que xa era. Tiña unha clase en menos de vinte minutos e a carretera en obras. O amargo do café morno acabou por espertala: calzou os zapatos, colleu os libros e saiu escopetada.
A roda dereita pinchada e o móbil sen batería. Que máis me pode pasar hoxe?
Malhumorada subiu as escaleiras e chamou.
-Non te preocupes, hai quen se encargue da túa clase- dixo unha voz seca desde o outro lado.
Puxo a cargar o teléfono. A roda podía esperar.
..............................................................................................
A gata despreguizouse só para acomodarse mellor agora que tiña máis espazo.

10/6/09

REALIDADE

Chica leyendo un libro G.P. de Bois
Unha das acepcións da palabra fantasía en sentido psicolóxico é "construción imaxinaria que o individuo padece en forma constante pero sen confundila coa realidade" (C.S.Lewis La experiencia de leer)
..................................................................................
Depende das realidade de cada quen, non? -dixo ela de súpeto- ás veces a fantasía é a única maneira de transitar.
O son estridente do timbre e a vehemencia con que ela se levantou e saiu da aula deixaron ao profesor sorprendido.
Ó próximo día tería que lle preguntar o que quixo dicir.

9/6/09

LIBROS


L. Campbell
Que segredos inconfesables guardaría aquel home misterioso, que tódolos días , cinco minutos antes de bota-lo peche, pasaba por diante da súa librería?
.................................................................................................
Tería que deixar de lado a Raymond Chandler ou acabaría vendo a vida en branco e negro.

8/6/09

SOÑAR

Sophie reading M. Cojocaru

Levanta el libro,
sacude las páginas
por si caen sueños
(Haiku de G. Moure)

7/6/09

BAILANDO


Tango en La Boca Rubén D. Burschtin
Xa era tarde. Zapatos de tacón e a saia na mochila, meteu esta na cesta da bici e dándolle aos pedais,como se lle fose a vida,chegou ata a academia de baile. Encostou a bici contra a parede do portal e subiu correndo as escaleiras.Aínda estaba alí, como todos os martes. No vestiario sacou as zapatillas, puxo a saia e os zapatos de tacón, soltouse o pelo e... preparada.
Tranquila,o seu pulso non dicía o mesmo, deixou que el a agarrara e a fora levando dando xiros pola pista, ata que a música parou. Cun medio sorriso separáronse esperando a crítica do profesor: tes que tentar non estar tan ríxida, deixa que a música te leve...
Nun susurro díxolle : non fagas caso, bailaches coma os anxos. Xuraría que el rozara cun bico a súa orella.
O traxecto ata a casa nunca se lle fixera tan curto.

5/6/09

ESTO É VIDA !


Reflejos Burruda
A muller do tempo xa avisara de que a situación atmosférica ía mudar, pero nada dixera da tremenda enxurrada coa que foi sorprendida cando colleu o coche pola mañá. O ceo rompíase en anacos de pedra que golpeaban con forza desmedida os cristais... un home amarrado a un paraugas, en perfecta simbiose, tentaba facerlle frente de xeito inútil.
O seu Corsa, como un bravo rompexeos, abríase camiño entre as augas ao ritmo de Caetano Veloso: 50 Km/h como marca o sinal.
Esto é vida- pensou mentres era adiantada por un Audi prepotente.

4/6/09

VOCES


Voces ideales y amadas de aquellos que murieron,
o de aquellos que han desaparecido para nosotros como los muertos.
A veces hablan en nuestros sueños;
a veces las escucha nuestro espíritu en el pensamiento.
Y con su rumor por un instante retornan
ecos de la primera poesía de la vida nuestra
-como una música, en la noche, lejana, que se apaga.
(Kavafis)

3/6/09

AMORES DE COMENENCIA


M. Shinozaki
Descoñece os convencionalismos sociais.
Os seus agasallos, en forma de paxariño dando píos de desesperación, ou ratiño facéndose o morto a ver se cola,aparecen á hora menos indicada segundo as normas de urbanidade. O seu lugar no sofá depende de quen se atope nel ou do que apareza nas mans de cada quen.
Os seus amores son sempre de comenencia.
Como moitos dos animais chamados racionais.

1/6/09

BRINCADEIRA


Flying O. Larionova
Abriron o baúl e alí estaban, chamando por elas, os vestidos da tía Eulalia, escondidos no fondo . Mistura de alcanfor e perfume denso que adoitaba utilizar.
Por que non?
Vestíronse con eles sendo transportadas a un París que nunca tornaría. No espello non se recoñecían, pero iso non importaba, sentíanse posuídas polo espírito indómito da tía Lali .
No baixo escoitouse a porta, a toda présa tornaron os vestidos ao seu lugar.
Que faciades?
Nada mamá, estabamos a brincar.