31/12/09

POEMA PARA REMATAR O ANO


J. Sierko
Sorpresounos a noite,
xa ben escurecido,
no barandal de pedra
que defende o camiño.
(Dende entón ten un nome:
a Ponte dos Suspiros.)
Non movía unha folla
o vento adormecido:
No ceo ni unha estrela,
na arboreda ni un chío.
As palabras non tiñan
nin rumor nin sentido.....
R. Cabanillas

23/12/09

TARDES DE INVERNO



E. Hodges

Tardes de café quentiño con torradas, de conversas enfiadas e infindas arredor dunha mesa onde ninguén ten présa por se levantar; choiva e vento na rúa e paraugas con pernas tentando manter o rumo sen un leme que os guíe.
Tralos cristais unha cara pegada tenta adiviñar o que hai máis aló da ventá.

8/12/09

O RÍO

Mira como pasa o río.
Mira, como vai pasando.
Beixos de escuma debuxa
nas pedras que vai mollando
A.G.Teijeiro

13/11/09

MANS



....Las manos pueden liberar
al mundo de su destino.
Pero no pueden con la vida
en el último momento.
No pueden sujetar el mundo
que se mueve sin sentido.

Las manos sirven para casi todo.
Menos para gritar.
Kepa Murua

12/11/09

..... E CHOVE


Chove en novembro
sobre as lembranzas.
Choiva que voa.
Choiva que danza.
Revoa a choiva
tinguindo alfombras,
roubando orballos,
cosendo ponlas.
A. García Teijeiro

9/11/09

CHOVE MIUDIÑO


É noite pechada e chove miudiño.
Nas lousas de pedra,
ó longo da rúa
escura e deserta
estoupan as pingas
que deitan as tellas.
Ó través dos ferrollos das portas
o vento salaia o dor dunha queixa
Ramón Cabanillas

2/11/09

O OUTONO


M. Savad
El otoño se acerca con muy poco ruido:
apagadas cigarras, unos grillos apenas,
defienden el reducto
de un verano obstinado en perpetuarse,
cuya suntuosa cola aún brilla hacia el oeste.
Se diría que aquí no pasa nada,
pero un silencio súbito ilumina el prodigio:
ha pasado
un ángel
que se llamaba luz, o fuego, o vida.
Y lo perdimos para siempre
Ángel González

20/10/09

AS CABAZAS DO SAMAÍN


K.G.McElroy

Non entende por que chegada esta época do ano os nenos, na compaña dos seus maiores, andan á procura da cabaza máis grande e bonita para lle facer uns buratos e deixala descabezada. O medo de que fagan o mesmo con el fai que desapareza trala cesta nun intento de pasar desapercibido.
.........................................................................
Á noitiña, e moi silandeiramente, cóase na cociña. Fóra chove que dá medo.

19/10/09

ANTÍPODAS


Caillebote

As pingas rompen sistematicamente a simetría das árbores que, como toliñas, tentan acadar o máis profundo da rúa nun intento de chegar ata as súas semellantes nos antípodas.
......................................................
El dixit- e ficou descansado.

8/10/09

NEBOAS



Aquela árbore, emerxendo espida no medio da néboa, non auguraba nada bo. As pantasmas adoitan agacharse entre os farrapos nos que se desfai. Cerrou ben as ventaniñas do coche, subiu un pouco o volume da música, para non escoitar os cantos de serea que proviñan dalá abaixo, onde o mar rompía contra as rochas enfurecido, e sen deixar de mirar a liña branca da carretera, chegou ao seu destino.
................................................................

A sirena do faro, na boca da noite, non conseguía espantar as pantasmas.

1/10/09

POR FIN !!!!


P. Costa
Asomou a cabeza pola fiestra entrebaerta e confirmou o que xa sospeitaba: chovera de noite. O arrecendo que subía das pedras húmidas xunto ao de café dos bares circundantes acabou por espertala totalmente . Saíu á rúa sen paraugas; quería sentir no seu corpo as últimas pingas que aínda caían para sufocar a inmensa calor acumulada durante os días anteriores.Coma ela,outras xentes coas mesmas ansias de auga, botábanse fóra para , timidamente ao principio, e xa sen reparo algún despois, meter os pés nas pequenas fochancas que se tiñan formado na rúa.
...................................................................
Mañá estarei costipada, pensou, mentres miraba para os seus pés calzados con sandalias. Pero pagou a pena.

25/9/09

MUDANZA


Kennington

Tes que vir axiña- a mensaxe non dicía máis nada. Botoulle unha ollada ao reloxio , nunha hora escasa estou alí.
Meu dito, meu feito.
As caixas no chan , os armarios amosando impudicamente o seu baleiro e o sonriso dela querendo romperse nunha gargallada indicáronlle que volvía haber mudanza. Nesta ocasión, tanto tiñan as razóns, pero ela sempre atopaba algunha de peso, eran as tubaxes que facían ruído.
........................................
Botáronse a rir as dúas mentres o can buscaba o seu espazo nun adosado de cartón do Eroski.

15/9/09

OUTRO DÍA DE CALOR


K Ruane

Cando soou o espertador, apagouno nun acto reflexo, e deu media volta. Cinco minutiños máis e xa me levanto, díxolle á gata que tomara posesión da cama e non tiña intención algunha de a abandoar.
Acendeu a radio para escoitar o tempo que facía fóra e descalza encamiñouse ao cuarto de baño, abriu a ducha e, encostada na parede, deixou que a auga quentiña a fora espertando aos poucos.
Abriu o armario e demorou un rato en escoller a roupa. Hoxe tiña unha reunión importante . Escolleu un pantalón negro, camisa blanca e zapatos de medio tacón negros; pendentes discretos de prata e o reloxio das ocasións. Unha pasadas coa man polo seu curto cabelo e xa está!! díxose satisfeita ante a imaxe que o espello da entrada lle reflectía.
Pasou pola cociña para lle botar o leite á gata, colleu o portatil e o bolso e saiu.
.........................................................
Hoxe nos agarda outro día de calor- o home do tempo anunciaba pola radio mentres ela conectaba o climatizador.

9/9/09

DESENGANO

Charnine
A vida non se vive polas veces que respiras, senón por aqueles momentos que nos deixan sen alento - le en voz alta e lentamente, como sopesando cada unha das palabras que sae pola súa boca.
El, por riba das gafas, bótalle unha ollada rápida e continúa co sudoku que estaba a facer
Ela cerra o libro,encóstase na silla e , cos ollos semicerrados, tenta lembrar eses momentos .
Sen alento vaime deixar esta calor abafante-comenta el, tan pragmático coma sempre.
............................................................................................
O teléfono liberouna de lle contestar.

6/9/09

UNHA DE ESCOITAR

Non é o mestre pero tampouco está nada mal esta versión de Nick Cave

2/9/09

ACABOUSE O VERÁN

Hoyt
O verán non é unha estación, é un modo de vivir a vida de xeito diferente: É levantarse sen que soe o espertador e almorzar co xornal nun lado e a cafeteira chea no outro. Son os vermuts na cociña mentres se vai facendo o xantar e non hai presa, son as conversacións sen fin que se manteñen á tardiña no xardín , son os baños na praia , un viño mirando o solpor ou un gin tonic nunha terraza mentres se agarda a que o ceo se derrame nunha chuvia de estrelas. É deixar de estar encorsetados dentro dunhas normas para vivir a ilusión de que nalgún momento das nosas vidas somos seres libres.
........................................................................
O silencio da casa indica que o verán acabaouse

23/7/09

MAR


F Galiano
As ondas quebravam uma a uma
Eu estava só com o a areia e com a espuma
do mar que cantava só para mim.
(S. de Mello Breyner)

21/7/09

REGRESAR


Keeling

Agora estou de regreso,
levei o que a onda, para se romper, leva
-sal, escuma e estrondo-
e toquei coas miñas mans
unha criatura viva;
o silencio.
Aquí estou suspirando como o que ama
e se lembra e está lonxe.
( R. Castellanos)

15/7/09

O HOME DO PIANO


G. Caillebotte

Comeza tódalas mañás, ás nove en punto, a ensaiar co piano. Hoxe ataca algo novo que ela non coñece . Repite, repite e repetindo ata as once que marcha para o teatro a ensaiar coa orquestra, logo irá ao conservatorio onde é profesor e tornará á noitiña, mochila no lombo e dándolle aos pedais . Asubiando en sordina busca as chaves e abre a porta. Ao pouco rato xa o ve, por entre os visillos, na cociña preparándose algo para cear. Ela, arréglase coas sobras da comida, non ten ganas de cociñar. Colle a bandexa e senta diante do televisor a ver as noticias.
Petan na porta. O pianista convídaa a cear unha pasta ao pesto- que me sae moi boa, por certo- acompañada dun bo Ribera.
................................................................
Nunca se puido resistir aos encantos dun pianista acompañado dun bo Ribera.

9/7/09

ESPERTAR


O. Ortiz

Esperta co fresquiño que entra pola ventana aberta, arroupase , bótalle unha ollada ao reloxio comprobando que aínda é cedo para se erguer estando de vacacións. Alguén que no pensa o mesmo chámaa polo móbil . Envólvese na saba e seguindo o son atópao na mesa da cociña ao tempo que pára de soar.
Joderrrr- grita ao tropezar no cacharro da auga das gatas e sentir o frío nos pés- o que me faltaba .
A ducha quentiña prestoulle . Camiseta por riba do biquini e cafeiño na terraza contemplando a praia que daquelas horas, e a pesar do norte, estaba chea dabondo.
Á hora de comer mirou o teléfono. J. quería falar con ela por un asunto do traballo.
.......................................
Decidiu apagar o móbil ata rematar a semana de vacacións, non fora ser o demo...

8/7/09

FUMANDO ESPERA...


F. Pérez
Agarda na esquina fumando. Encanto ela sae da tenda síguea coa mirada costa abaixo ata se perder na marea de xente que a aquelas horas circula pola rúa .
Ela pasa por diante del, sen apenas decatarse da súa presenza, apresurada por chegar á casa e poñer as flores en auga antes de que se murchen.
Escolle o xarrón de cristal axeitado, bótalle auga e colócao na mesiña que ten ao lado do sofá. Aí están ben- di, mentres pensa quen será o Anónimo que llas manda. Alguén que a coñece, seguro, xa que sabe que lle gustan as flores silvestres.
Un pouco de queixo, fruta e Elvis Presley non consiguen que deixe de pensar en quen lle mandou as flores. Adormece coa idea de ir, no día seguinte, a floristería a preguntar.
................................................................
Mañá entrarei na tenda, dise el coa certeza de quen sabe que non o fará.

2/7/09

CEREIXAS


R. Ladd


Na caixa, perfectamente colocadas, estaban a chamar por ela. Comprou unhas poucas e foi comendo pola rúa , estaban boísimas. Ao entrar no coche non puido resistir a tentación de penduralas nas orellas, como facía de pequena, e se mirar no espelliño. O home no coche do lado ollaba para ela cun medio sorriso nos beizos e levantaba o polegar asentindo. Ela devoltoulle o sorriso, acendeu o coche e marchou.
Non estaba mal o tipo- pensou agarrando o volante cunha man e coa outra levando á boca os pendentes-cereixas
Lembraste as cereixas, mamá?- preguntoulle o neno ao chegar ela á casa.
.......................................................
Hoxe de sobremesa tomarían amorodos.

1/7/09

ALLOS

G. Key
Hoxe non lle apetece facer de comer; está soa e quere aproveitar para facer cousas que foi adiando para cando comezasen as vacacións.
Na vila xa se ven algúns turistas que aproveitan o día chuvisquento para coñecela e mercar produtos típicos do lugar.
Nas ruínas do pazo alguén explica, en inglés, a orixe daquela casa noutrora señorial e agora na decadencia; un pouco máis abaixo un grupo de mozos e mozas toman unhas cañas nunha terraza sen lle importar as pingas que caen .
Ela entra a comer nun bar que, pola súa fasquía, seguramente nunca se encha de turistas, pero si daqueles que coñecen as delicias que elabora Maruxa cos produtos máis frescos que encontra no mercado.
Hoxe hai xoubiñas e pementos de Padrón de primeiro, e carne ao caldeiro de segundo-di Maruxa.
Acompaña o xantar cunha copa de viño e café de sobremesa.
................................................................
Algún que outro turista cóase pola porta e mira asombrado a restra de allos trala porta. Son para espantar as meigas, di Maruxa sen inmutarse.

29/6/09

CUNCHAS


Caracolas A. Cazorla

Escollía con moita delicadeza as máis bonitas e que mellor estaban, non había présa.De paso que daba o seu paseo despois do baño miraba entre as rochas e sobre a area o que depositara o mar na noite anterior. Sempre encontraba algunha cuncha que lle podía valer, sempre eran diferentes. Ao chegar á casa, metíaas nun tarro de cristal que comprara especialmente para elas e o tarro no baúl que tiña baixo o debuxo do capitán Hadock , ata a fin de semana en que chegaba a nena.
O primeiro que facía despois de bicar os avós era ir ver as novidades que había no baúl. Sentaba no chan e coas súas manciñas pequerrechas debullaba aqueles fantásticos tesouros unha e outra vez . Logo, con moito coidado, tornábaas de novo ao tarro e o levaba para o seu cuarto, ao lado da cama, para contemplalas antes de se durmir, mentres a avoa lle contaba unha nova historia de piratas
................................................................
Co catalexo do avó, sentada nunha rocha da praia, otea o horizonte en busca dalgún barco pirata perdido por aqueles mares.

28/6/09

CUARTO DE COSTURA


C. Wysocki

O que máis lle gustaba daquela casa era o cuarto de costura. De pequena pasaba o tempo enredando cos botóns que noutrora ocupaban o seu espazo en chaquetas, vestidos ou camisas e que a avoa transformaba en ollos e adornos para os bonecos de trapo e lá que lle facía.
A máquina de coser exercía sobre ela unha fascinación incrible: entraba a tea por un lado e saía polo outro coas puntadas de cores por riba e por baixo perfectas, só con lle dar aos pés acompasadamente naquel pedal xigantesco de ferro.
O seu momento preferido era cando a avoa, con aquela voz doce que tiña, lle pedía que ordease as caixas dos fíos... as veces o facía segundo as cores, outras polo tipo de fío , outras por tamaños; tanto tiña á súa avoa sempre lle parecía ben a orde que escollese aínda que logo se volvera tola tentando encontrar o fío que buscaba.
...........................................................................
O gato segue a ocupar o seu lugar trala Singer pero xa non hai quen lle pida que ordee os fíos.

26/6/09

O SOMBREIRO


M. Gal

O verán traía personaxes moi curiosas á vila como a francesa da casa grande. Cuberta sempre cun enorme sombreiro para que o sol non tocase a súa pel delicada, así dician as xentes, un cochazo con chófer , un ou dous xovenciños que cambiaba cada verán e persoal de servizo . Entre os máis pequenos, e non tan pequenos, circulaba o conto de que ela matara o marido dándolle veleno, o que exercía unha atracción fatal cara á muller e todo o que a rodeaba.Os homes pasaban todo o verán con cara alelada ollando para aquelas curvas que, de cando en vez, se deixaban ver pola praia e as mulleren morrían de envexa polos modeliños que locía.Aí vai esa golfa - comentaban uns e outras en voz baixa, cando a vían pasar no coche e había pequenos diante.

......................................................


A velliña do pelo branco deixa o sombreiro na silla e con paso lento entra na casa, fóra comeza a refrescar. Nena- dille á fotógrafa que veu facer a reportaxe- nunca me perdoaron que fose unha muller libre.

25/6/09

O VERÁN

S. Fattal
Soubo que o verán chegara oficialmente á vila polas luces de cores no comezo e final da carretera que a atravesaba e pola visión de xentes en pantalón corto e chancletas que tomaran por asalto as dúas terrazas do paseo e outros lugares de interese.
Levaba o seu tempo acostumarse a este cambio ; as rúas tranquilas por natureza tornábanse en algo caótico cos coches mal aparcados que lle producían moita incontinencia verbal ao Manolo, policia local do lugar, pero que non pasaba de aí. Aos turistas hai que tratalos ben- dicía- se non xa non voltan.
......................................................................
No campo da feira a cantante desgañitábase . Levantouse e cerrou a ventana, ela non estaba de vacacións e tiña que durmir.

23/6/09

SEN TÍTULO

A noticia golpeuna como un mazazo e xa non foi quen de continuar co que estaba a facer. Algo se lle revolvía no seu interior non querendo aceptalo. Sentou na silla e alí quedou ata que o teléfono fíxoa voltar á realidade, dábanlle de novo a noticia que xa sabía .
Contendo a rabia que lle quería saír pola boca, fixo unhas cantas chamadas e preparouse para saír, puxo calzado cómodo e meteu o tabaco no bolso. A noite ía ser moi longa.
.....................................................................
Vémonos pronto- dixéranse o sábado ao se despedir .

22/6/09

UNHA HOMENAXE

O día prestábase para comer no xardín, así que arrimou a mesa debaixo da parra e puxo o mantel e a vaixela dos días especiais. As flores que cortara pola mañá antes de ir ao traballo, colocounas nun tarro no centro da mesa. Gustoulle como quedaban.
O peixe, no forno, xa casi estaba, así que era o momento de abrir o viño e deixalo respirar, como mandan os cánones.
Sentou a mesa e deitou un pouco de viño na copa, uliuno, probouno e gustoulle. O peixe e a ensalada no seu punto. O arrecendo do xazmín misturábase co das rosas pequeniñas do muro e unha brisiña suave refrescaba o ambiente. Que máis se podía pedir?
..............................................................................
É necesario darse unha homenaxe de cando en vez- pensou mentres se servía outra copa de viño.

21/6/09

DOMINGO DE MERCADO

W. Haenraets
Tódolos domingos hai mercado na vila do lado e, desde que están alí, gustan de iren sempre que poden. Venden os seus produtos as xentes da redonda e é un pracer deambular por entre os postos na procura das verduras ou froitas máis frescas.
Cando chega o verán aquilo convértese nunha Babel por mor dos turistas que invaden as distintas rúas que ocupa o mercado.
É o que ten o verán-dilles unha vendedora mentres pesa uns tomates nunha báscula antediluviana - moita xente pero pouco diñeiro.
Sempre a se queixar. A ela gústalle ver xente diferente na vila aínda que só sexa un mes ao ano.
Antes de voltar para casa, parada no bar de Xurxo para tomar a caña sentados na terraza.
Na casa coloca a froita e verdura enriba da mesa da cociña nunha composición Archimboldiana ( pensaba ela) e tíralle unha foto.
...............................................................................
Nin por asomo era o que ela quería reflectir ... outra vez será.


19/6/09

NA PRAIA

Gustaba de ir cedo. Daquela hora o sol aínda estaba baixo e se podía percorrer a praia tranquilamente. As máquinas acababan de pasar e na area limpa as súas pegadas quedaban marcadas. Cruzouse con algún que outro paseante tempraneiro e cuns remeiros da traiña que estaba varada na praia á espera de que acabasen cos seus exercicios de quecemento.
Cando considerou que xa estaba ben de tanto andar, meteuse na auga: refregou os pulsos, a parte de atrás da cabeza e.. .plafff, á auga. Unhas cantas brazadas e fóra , estaba conxelada, coma sempre, pero deixoulle o corpo renovado.
Sen secarse, puxo a camiseta por riba do traxe de baño, no coche colocou a toalla no asento para non mollalo e arrincou cara á casa. Xa comezaba a chegar xente á praia e era o momento ideal para irse.
.......................................................................................
No horizonte erixíase maxestuosa a illa.

17/6/09

UN CAFÉ


N. Martin
Levaba toda a mañá dando voltas pola vila e xa non podía co seu corpo. Ao pasar por diante da vidreira viu que daquela hora non había moita xente e entrou. Sentouse á mesa que estaba pegada á xanela e pediu un café .Coma sempre, deixou que arrefriara e bebeuno dun grolo contemplando a xente que pasaba pola rúa .
Nefasto!!. Como é posible que se poida facer un café tan malo?, pensou mentres acendia un Ducados para contrarrestar.
A pouca xente do local, homes engaravatados das entidades bancarias próximas, supuxo ela, mántiñase en silencio lendo os xornais.Na televisión,sen voz, imáxenes dunha moza semivestida facendo exercicios ximnásticos ou bailando, nada máis interrompía a tranquilidade do local.
Botou unha ollada ao reloxio, recolleu o seu corpo e foi mercar o pan; hoxe cunha ensaladiña e algo de froita xa tiña dabondo.
....................................................................................
No seu caderniño mental anotou: nunca máis tomar café neste local.

16/6/09

CALORIÑO


E. Zasada
Preparouse un té con limón ben frío; tería que ordear o estante dos vasos pero hoxe non lle prestaba.
Co vaso nunha man e o libro na outra baixou as escaleiras ata o xardín na procura dun lugar fresquiño, atopouno baixo a maceira e alí sentou cos pés descalzos sobre a herba, encostada no tronco. A gata nunha das pólas máis altas miañou en sinal de saúdo e foi descendendo ata chegar onda ela. Acercouse delicadamente ao vaso e pasou a lingua polo cristal, estaba demasiado frío e non lle gustou; deu unhas cantas voltas ata se enroscar no regazo dela e quedarse durmida.
..................................................................................
A pesares de lle dar moita calor, non se moveu. Non era un mal atril.

15/6/09

UNHA MAN DE PINTURA


G.Goloubetsky
Aproveitou a tardiña, cando o sol xa baixara un pouco, para lle dar unha man de pintura á porta de fóra. Todo o mundo insistía en que puxera unha nova, pero ela non se decidía... Aquela porta levaba alí moitos anos e era xa unha vella compañeira; renxíanlle as bisagras como a ela cando había choiva.Ás veces non se decidía a abrir se non era cun pequeno empuxón, ela tamén precisaba de pequenos empuxóns para afrontar algúns días...
Coa cara chea de pingas de pintura e sudorosa mirou a súa obra rematada e sentiuse satisfeita; aínda botaría algunha temporadiña máis.
..................................................................................
A gata tumbada no chanzo da escaleira parecía estar de acordo.

14/6/09

MAÑÁ DE DOMINGO


E. Rodriguez

Levantouse cedo, ducha rápida e, tentando non facer ruído coa porta ao sair, botouse á rúa. Gustaba destas mañás de domingo cediño, cando os coches ainda non circulaban e o único son que se escoitaba era o do mar rompendo contra o malecón. Comprou o xornal e encamiñouse cara ao café que viran a noite anterior.
A mañá estaba fresquiña, pero non puido resistir a tentación de se sentar na terraza. Café con pan recén feito e manteiga, ollada ao xornal e grolo de café.
Ao lonxe distinguiu a camiseta laranxa e zapatillas último modelo correndo polo paseo marítimo, un aceno en forma de saúdo, e volta ao xornal.
............................................................................
Devagariño retornou ao hotel polo paseo ; algúns veleiros xa se botaran ao mar aproveitando o vento fresquiño e na praia algúns parasois xa estaban despregados e baixo eles afanábanse as nais en botarlle crema aos pequenos, ante a impaciencia destes por ir xogar coa area.

12/6/09

GRANDE INVENTO



F. Van Hove
Hoxe non traballaba, tomara o día libre para resolver asuntos que fora adiando por aburridos ; pero xa non lle quedaba máis tempo... deuse unha ducha reparadora, boa cunca de café para afrontar a burocracia e dúas páxinas do libro que a tiña enganchada: dúas por día, dose recomendada para alongar o pracer.
.................................................................................
Unha terraza entre sol e sombra convidaba a parasitala e unha cervexa ben fría a mellor compañía para un mediodía abrasador.
-Non me esperes a comer, teño moito traballo- dixo sen amosar o maís mínimo rubor .
Que grande invento esto dos móbiles- pensou, e continuou ollando o ir e vir do mar.

11/6/09

HAI DÍAS....


La siesta S. Koch
É só un ratiño- díxose, deitou a cabeza sobre o coxín e colleu o mando. Espertou cando , desde a tele, unhas voces berraban sobre alguén que deixara embarazada a outra alguén.
Mirou o reloxo e deu un espirro ao ver a hora que xa era. Tiña unha clase en menos de vinte minutos e a carretera en obras. O amargo do café morno acabou por espertala: calzou os zapatos, colleu os libros e saiu escopetada.
A roda dereita pinchada e o móbil sen batería. Que máis me pode pasar hoxe?
Malhumorada subiu as escaleiras e chamou.
-Non te preocupes, hai quen se encargue da túa clase- dixo unha voz seca desde o outro lado.
Puxo a cargar o teléfono. A roda podía esperar.
..............................................................................................
A gata despreguizouse só para acomodarse mellor agora que tiña máis espazo.

10/6/09

REALIDADE

Chica leyendo un libro G.P. de Bois
Unha das acepcións da palabra fantasía en sentido psicolóxico é "construción imaxinaria que o individuo padece en forma constante pero sen confundila coa realidade" (C.S.Lewis La experiencia de leer)
..................................................................................
Depende das realidade de cada quen, non? -dixo ela de súpeto- ás veces a fantasía é a única maneira de transitar.
O son estridente do timbre e a vehemencia con que ela se levantou e saiu da aula deixaron ao profesor sorprendido.
Ó próximo día tería que lle preguntar o que quixo dicir.

9/6/09

LIBROS


L. Campbell
Que segredos inconfesables guardaría aquel home misterioso, que tódolos días , cinco minutos antes de bota-lo peche, pasaba por diante da súa librería?
.................................................................................................
Tería que deixar de lado a Raymond Chandler ou acabaría vendo a vida en branco e negro.

8/6/09

SOÑAR

Sophie reading M. Cojocaru

Levanta el libro,
sacude las páginas
por si caen sueños
(Haiku de G. Moure)

7/6/09

BAILANDO


Tango en La Boca Rubén D. Burschtin
Xa era tarde. Zapatos de tacón e a saia na mochila, meteu esta na cesta da bici e dándolle aos pedais,como se lle fose a vida,chegou ata a academia de baile. Encostou a bici contra a parede do portal e subiu correndo as escaleiras.Aínda estaba alí, como todos os martes. No vestiario sacou as zapatillas, puxo a saia e os zapatos de tacón, soltouse o pelo e... preparada.
Tranquila,o seu pulso non dicía o mesmo, deixou que el a agarrara e a fora levando dando xiros pola pista, ata que a música parou. Cun medio sorriso separáronse esperando a crítica do profesor: tes que tentar non estar tan ríxida, deixa que a música te leve...
Nun susurro díxolle : non fagas caso, bailaches coma os anxos. Xuraría que el rozara cun bico a súa orella.
O traxecto ata a casa nunca se lle fixera tan curto.

5/6/09

ESTO É VIDA !


Reflejos Burruda
A muller do tempo xa avisara de que a situación atmosférica ía mudar, pero nada dixera da tremenda enxurrada coa que foi sorprendida cando colleu o coche pola mañá. O ceo rompíase en anacos de pedra que golpeaban con forza desmedida os cristais... un home amarrado a un paraugas, en perfecta simbiose, tentaba facerlle frente de xeito inútil.
O seu Corsa, como un bravo rompexeos, abríase camiño entre as augas ao ritmo de Caetano Veloso: 50 Km/h como marca o sinal.
Esto é vida- pensou mentres era adiantada por un Audi prepotente.

4/6/09

VOCES


Voces ideales y amadas de aquellos que murieron,
o de aquellos que han desaparecido para nosotros como los muertos.
A veces hablan en nuestros sueños;
a veces las escucha nuestro espíritu en el pensamiento.
Y con su rumor por un instante retornan
ecos de la primera poesía de la vida nuestra
-como una música, en la noche, lejana, que se apaga.
(Kavafis)

3/6/09

AMORES DE COMENENCIA


M. Shinozaki
Descoñece os convencionalismos sociais.
Os seus agasallos, en forma de paxariño dando píos de desesperación, ou ratiño facéndose o morto a ver se cola,aparecen á hora menos indicada segundo as normas de urbanidade. O seu lugar no sofá depende de quen se atope nel ou do que apareza nas mans de cada quen.
Os seus amores son sempre de comenencia.
Como moitos dos animais chamados racionais.

1/6/09

BRINCADEIRA


Flying O. Larionova
Abriron o baúl e alí estaban, chamando por elas, os vestidos da tía Eulalia, escondidos no fondo . Mistura de alcanfor e perfume denso que adoitaba utilizar.
Por que non?
Vestíronse con eles sendo transportadas a un París que nunca tornaría. No espello non se recoñecían, pero iso non importaba, sentíanse posuídas polo espírito indómito da tía Lali .
No baixo escoitouse a porta, a toda présa tornaron os vestidos ao seu lugar.
Que faciades?
Nada mamá, estabamos a brincar.

29/5/09

MALDITO TELÉFONO


Wislow Homer
A fin de semana presentábase con bo tempo para navegar: ventiño fresco e sol, que máis podían pedir!
Por mor dos seus traballos non coincidiran nas datas, pero esta fin de semana era sagrada, así llo dixera.
Comprou crema protectora factor máximo, preparou comida, nada de bocatas a ocasión merece algo elaborado.Fixo e desfixo o petate varias veces: había que meter roupa de baño e de abrigo, na mar nunca se sabe....
No corredor, casi na porta de entrada, o petate, a neveira, a mochiliña co tabaco, encendedor e cremas, non quería esquecerse de nada .Todo preparado.
Teléfono!!!
.......................
Síntoo,témolo que adiar.
A pesares de non estar mal a ensaladiña, non lle soupo.

28/5/09

IR FACENDO CAMIÑOS.


Jacek Yerka
Ir facendo o camiño .... Boa metáfora da vida.

27/5/09

SOBREVOAR


Rob Gonsalves
Abrígate que vas coller frío !- escoitaba ao lonxe a voz da mamá.
Para non anoxala, puxo os calcetíns e comezou, como todas as tardiñas, a viaxe. Esta vez non iría moi lonxe, estábase a levantar un nordés desagradable e logo a volta íalle custar máis.Sobrevoou os campos a carón da casa , planeou un ratiño sobre as augas , e retornou.
Non había novidade, a sirena avisaba ás mulleres que os barcos estaban a aportar o que indicaba que xa era hora da merenda.
Cerrou o libro. A hora da merenda era sagrada.

26/5/09

NON ERA UNHA PARTIDA MÁIS.

Xa case era a hora de entrar mais a ela non lle importaba, levaba xa un bo rato gañando e non ía deixar agora a partida. Tremenda paliza a que lles estaba a dar. As nenas da súa clase arremuiñábanse ao seu redor : non era unha partida máis, estaba en xogo a dignidade dos nenos como xogadores espertos no asunto. Así llo dixera antes de sairen o Iván.
Ninguén se moveu do círculo ata que unha voz , unha oitava máis alta do normal, reclamaba as ovellas descarriadas baixo ameazas de castigos terribles.
Na fila de subida á aula, un dos perdedores atizoulle unha boa couce á campioa.
Non lle importou a dor que sentiu o resto da mañá. Dentro da bolsiña que lle fixera a mamá levaba os seus trofeos que superaban, con moito, o moratón con que chegou á casa.

25/5/09

VIAXE DE VOLTA


Úrculo
Era a última vez que collía un voo tan barato; o tempo pasado no aeroporto á espera da saída fixéraselle eterno, o café intragable e o ter que estar pendente dos cambios na porta de embarque acabaron por deixarlle o corpo bastante magoado.Non fora boa idea estrear os zapatos.
Cando chegou á casa, xa non sabía nin canto tempo pasara desde que chegara á terminal, só puido deixar as maletas de calqueira maneira e tirar os malditos zapatos por onde cadrou.
O contacto dos pés descalzos sobre a baldosa espabilouna; foi ata a cociña quentou unha infusión no microondas e deitoulle unha pingas de whisky: había que subir un pouco o ánimo.
Encamiñouse ao sofá.
Na tele alguén trataba de vender unha morea de coitelos por un prezo irrisorio.